
Trala petición que Bonasera fai ó inicio da película, e logo das reprimendas de Don Corleone ante o que considera unha falta de respeto, o funerario inclínase e bícalle a man ó tempo que lle chama Padrino. O favor será concedido.
No arranque da cinta, Coppola amosa a Don Corleone de costas escoitando ó seu interlocutor, que se dirixe a él como algo superior, coma alguén que ten a capacidade de decidir sobre o estado das cousas. Precisamente ese signo, esa inclinación para bicar a man do Padrino, ten unha clara identificación relixiosa, pois as autoridades eclesiásticas tamén reciben ese mesmo saúdo. Este xesto semella darlle ós seus actos unha infalibilidade da que non gozan os cidadáns normais. O “besamanos” supón unha mostra de recoñecemento e de sumisión a unha xerarquía relixiosa, neste caso, á xerarquía da Familia, cuio xefe é Don Corleone.
Con este xesto, Coppola exemplica a posición dominante do Padrino e o acatamento do seu poder que o resto da Familia lle debe. Ó inclinarse para bicarlle a man, o individuo xerárquicamente inferior humíllase ante o superior baixando a cabeza e acatando así a súa vontade. A importancia da xerarquía mafiosa xa queda claramente demostrada na primeira secuencia da película. O Padrino, tamén chamado Don, é o encargado de garantir o benestar dos membros da súa Familia. E como xefe da mesma débeselle gardar respeto, pois o honor é parte fundamental neste estilo de vida. As faltas contra o honor dun membro da Familia son castigadas con delito de sangue contra quen comete a ofensa. A chamada vendetta.
Ademais de respeto, Don Corleone, como calquera xefe mafioso, debe estar alonxado dos delitos, debe estar protexido, polo que a xente da que se rodea ten que ser de extrema confianza (de aí que os máis achegados de Don Vito sexan os seus fillos, incluído o adoptado Tom Hagen, e dous amigos da súa xuventude, Clemenza e Tessio, o cal pese a todo acabará traicionándoo).
Rosario Minna, na súa Historia da Mafia (1986) explica a toma de decisións e o funcionamento interno dunha organización mafiosa: “el cabecilla mafioso vive rodeado de un respeto absoluto, se mantiene a distancia prudencial de los delitos para estar protegido cuando llegan los polizontes, tiene a alguien de confianza que le hace de almohadilla, incluso contra otros mafiosos, establece las citas según su importancia o la del personaje que recibe, preside las mistéricas reuniones del grupo en las que se deciden asuntos importantísimos y misteriosos… Al final, con un medio guiño y la sombra de un gesto o de una palabra, el jefe mafioso ordena y es obedecido”.
Pero Coppola non vai deixar clara só a posición de Don Corleone na Familia, senón que cada personaxe transitará polos espazos que lle corresponde. O mundo dos Corleone divídese en dous espazos diferenciados tanto polas actividades que se realizan nun e noutro como polo tratamento visual que reciben e as persoas que por el aparecen. Na primeira secuencia percibimos un dos mundos, representado polo escuro e sombrío despacho de Don Corleone, espazo secreto destinado só ós iniciados nos asuntos da Familia. Nel temos, ademáis de Don Vito, a Sonny, fillo maior e herdeiro do imperio mafioso, a Tom Hagen, fillo adoptivo e Consigliere da Familia. A este espazo tamén terán libre acceso os caporegimi Clemenza e Tessio (ausentes na primeira secuencia porque están na celebración), e posteriormente Michael, cando Sollozzo atente contra seu pai.
Na seguinte secuencia, a celebración nupcial, vemos parte do outro mundo, representado polo xardín, con maior luminosidade e onde soa a música, e no cal se atopan as mulleres e Carlo Rizzi, Fredo e Michael (ademais de Kay e os invitados). Estes manteránse á marxe dos negocios por desconfianza cara él, no caso de Carlo, por ineptitude no caso de Fredo, e en canto a Michael, por propia vontade. A cociña e as habitacións suporán tamén o espazo privado das mulleres, Mamma Corleone, a filla Connie, Sandra, esposa de Sonny, e mesmo Lucy Mancini, amante deste. Temos pois os dous mundos ben diferenciados, e cadaquén sabe qué se pode facer e qué non se debe facer.
Unha diferenciación maior, será a que se faga entre o mundo dos Corleone e a América representada polos axentes do FBI e os xornalistas apostados ante a verxa da mansión Corleone. A verxa simboliza o abismo existente entre a legalidade ó estilo siciliano e a legalidade americana, un estilo de vida ó que os Corleone non queren pertencer e ante o que non se queren amosar, tal e cómo se aprecia cando Sonny destrúe as cámaras dos fotógrafos e lles escupe ós axentes.
Unha característica que se amosa ó longo de toda a película en relación a Don Corleone, é que permanece alonxado dos crimes e da violencia que envolve o seu mundo. Desde os primeiros minutos da película é presentado coma un mafioso honrado, intelixente e razonable. Concede o favor a Bonasera pese a que lle faltou ó respeto confiando máis na xustiza americana que na Familia e pese a que o ofende de novo pedíndolle que mate por diñeiro, agarda a que chegue o seu fillo Michael para face-la foto durante a voda pese a que este renega dos negocios familiares, rexeita entrar no negocio da droga con Sollozzo, logo evita a venganza para poder traer a salvo ó seu fillo Michael, orienta a este sobre a estratexia que seguirá Barzini e sobre como descubrirá ó novo traidor, etc. Ademais os actos crueis que ordea realizar son presentados como algo que é necesario facer, o espectador é partícipe dos favores que se lle piden e comprende que a vendetta debe ser realizada. Desde os primeiros compases da película o espectador comprende que a culpabilidade recae nos que ofenden ós membros da Familia, e a reposición do honor mancillado é algo inevitable que o receptor aproba pasivamente.
A este respecto son significativos os escasos movementos de cámara que hai ó longo de todo o filme. Este comeza cunha personaxe, Bonasera que se dirixe á cámara, ó espectador, e fainos partícipes do seu problema. Pero pouco despois, a cámara móvese cara Don Vito, o verdadeiro destinatario da petición. Deste xeito o espectador comeza a película ocupando o lugar de Don Corleone, durante un breve espazo de tempo é un capo mafioso, espectador e personaxe confúndense. Coppola forma así un lazo e unha complicidade que non deixará ó espectador ata o final da cinta. O espectador é así un membro máis da Familia que comprende e xustifica os actos que inevitablemente se teñen que levar a cabo. O poder de Don Corleone exténdese fóra da gran pantalla.
No hay comentarios:
Publicar un comentario