
En 1969 o escritor italoamericano Mario Puzo publica a novela El Padrino, que vendeu nos Estados Unidos un millón de exemplares en edición de luxo e doce millóns en edición de bolsillo, antes do estreo da película dirixida en 1972 por Francis Ford Coppola. Esta novela permaneceu nas listas de best sellers norteamericanos durante setenta e sete semanas.
Antes do éxito da novela, a versión inicial da mesma, que non remataba de satisfacerlle ó seu propio autor, foi descuberta polo vicepresidente de asuntos creativos da Paramount, Peter Bart. Este convenceu a Puzo para que rematase e perfeccionase a novela nos estudios da compañía. Acuciado por certos problemas económicos, o novelista entregou á Paramount unha segunda versión a cambio duns 25.000 dólares. Esta revisión entusiasmou de tal xeito a Bart que encargou a Puzo a elaboración do guión cinematográfico xa baixo contrato da productora.
Co éxito da novela, o proxecto comezou a tomar forma trala elección do director. Pese a que non era o preferido da Paramount, Francis Ford Coppola foi elixido tras seren descartados, por diferentes motivos, varios candidatos como Arthur Penn, Peter Yates ou Costa-Gravas. A elección case forzada de Coppola debeuse a varios factores que sintonizaban co perfil que buscaba a compañía: a orixe italoamericana do director, que lle permitía entender os costumes e tradicións sicilianas; a ausencia de éxitos na súa filmografía, o que posibilitaba a súa contratación a baixo prezo; e a súa experiencia en dirixir proxectos de baixo presuposto, pois a Paramount tiña pensado inicialmente que El Padrino fose unha produción menor debido ó escaso éxito de anteriores films inspirados na mafia.
Pero Coppola amosouse reacio nun primeiro momento a aceptar o proxecto, pois quería rodar películas máis persoais e non por encargo. Os problemas de débedas da productora Zoetrope, creada por Coppola conxuntamente con George Lucas, foron o empurrón definitivo para que o italoamericano dirixese a cinta que o acabou lanzando á fama. Deste xeito, Coppola incorporouse ó traballo de adaptación da novela en colaboración con Mario Puzo, que xa escribira unha primeira versión do guión ambientada na década dos 70. Cando Coppola se decidiu a participar no filme, elaborou a súa versión do argumento. O resto do traballo foi feito en colaboración entre Puzo e Coppola.
A boa relación entre cineasta e novelista reflecituse en que Coppola titulou a cinta usando o nome do creador, Mario Puzo’s Godfather. Entre ambos elaboraron as cento sesenta páxinas de que consta o guión final desta historia. Durantre o procreso de adaptación, Puzo cría que Coppola suavizara e creara unhas personaxes demasiado simpáticas. Pero en realidade o cineasta soubo facer algo máis que iso. Foi capaz de ver máis alá dunha historia violenta atopando un fío argumentativo que presenta a Mafia coma unha metáfora sobre os aspectos depredadores e egoístas das corporacións americanas modernas. Deste xeito Coppola aceptaba un traballo por encargo pero dotándoo do seu enfoque crítico e persoal.
Con todo, Coppola sempre tivo moi en conta a trama argumental de Puzo, pois tras escribir o guión conxuntamente co escritor, o cineasta seguiu desglosando o argumento cun particular método de traballo. Creou un manual do apuntador no que pegou unha a unha as páxinas da novela deixando grandes marxes a cada lado nas que realizar anotacións sobre o texto de Puzo. O cuaderno de El Padrino, como así se denominou este manual de anotacións, converteuse na principal ferramenta de Coppola.
Varios eran os apartados sobre os que o cineasta realizaba anotacións: a sinopse ou o que ocorrera ata ese momento na historia, os tempos, onde trataba de desbotar as conexións entre a historia narrada e a década dos setenta (a Paramount pretendía ambienta-la nesa década e Coppola nos anos corenta), a imaxe e o tono da historia ou os escollos, apartado no que o director reflexionaba sobre algúns aspectos que podían facer fracasar a escea estudiada.
Como diciamos, e a pesares de contar cun guión, Coppola prefería traballar con este manual, onde podía consultar o texto orixinal e as súas anotacións sobre o que consideraba importante, e non co guión, onde se obviaban moitos detalles debido á natureza deste documento.
Finalmente, Coppola conseguiu convencer á Paramount da conveniencia de ambientar a historia nos anos corenta, algo que non sentou moi ben á compañía, pero que fixo aumentar o presuposto da cinta ata os cinco millóns de dólares. Coppola saíuse coa súa, de igual modo que o fixo na elección dos actores protagonistas da cinta, imprescindibles á hora de explicar ó éxito de El Padrino.
Tanto Mario Puzo como Coppola tiñan claro que o actor ideal para encarnar o papel de Vito Corleone era Marlon Brando. Pero este non era do agrado da Paramount, debido ó historial problemático do actor. Os executivos propuxeron nun primeiro momento a Carlo Ponti, marido de Sofía Loren. Brando estaba interesado no papel por varios motivos: polo atractivo da personaxe e polo carácter crítico da cinta cara á sociedade norteamericana. O feito que convenceu finalmente ós executivos da compañía cinematográfica foi a proba de imaxe á que Brando se someteu voluntariamente. A caracterización e a actuación foron grandiosas. O papel era seu.
Coppola tamén insistiu no actor que debía interpretar a Michael Corleone. O escollido polo director era Al Pacino, que non convencía á compañía por non ser unha das estrelas masculinas do momento. A insistencia de Coppola e do propio Marlon Brando déronlle a oportunidade a un Pacino que se amosou nervioso e inseguro nas primeiras semanas de rodaxe. Isto foi así que os executivos non quedaron satisfeitos ata que Pacino rodou a escea na que Michael Corleone executa a vinganza contra Sollozzo e o axente McCluskey, tralo fallido atentado contra Vito Corleone. A forza de Pacino entusiasmou á compañía.
Deste xeito Coppola ía contar con dous grandes actores para as personaxes máis importantes da historia. O estilo deste director dalle vital importancia ó reparto e así o fixo patente na elección do cásting. Para Coppola os actores representan a verdade a través do artificio. Tal é así que o cineasta quixo que as personaxes italianas fosen interpretadas por actores italianos, salvo contadas excepcións. O tempo deixou claro que foi un acerto máis do peculiar director.
Así, durante a súa primeira semana en N. York El Padrino recaudou 454.000 dólares, e en todo o país case oito millóns de dólares. No primeiro mes a recaudación achegouse ós dez millóns de dólares, unha cifra que ascendeu a 81.500.000 dólares no primeiro ano. En 1975 xa eran 330 millóns de dólares os acadadados pola cinta de Coppola.
No hay comentarios:
Publicar un comentario