
Como vimos, Michael, o menor dos fillos de Don Vito Corleone, sitúase nun primeiro intre fóra da sociedade italoamericana, e máis integrado na contraria á Familia, na norteamericana. De igual xeito que fai con Kay, Michael narra ós espectadores os modos de actuar dos membros do clan, e explica qué función cumplen na Familia e cómo chegaron a ela. Narra as súas actividades desde fóra, rompe os códigos de silencio da Mafia porque non quere formar parte dese mundo que odia. Pero pese a isto, Michael recibe durante a secuencia da voda unha atención especial, que fai que o espectador o sinale coma unha personaxe importante no desenrolo da trama.
A personaxe de Michael está vencellada no inicio coa de Bonasera, pois ambos son presentados como homes que cren en América e na súa xustiza (hai que recordar que Michael chega tarde á voda, vestido co uniforme do exército…). Do funerario xa se amosa o arrepentimento ó momento, pero Michael experimentaráo en forma de aceptación do seu destino tralo atentado de seu pai e o fracaso de Sonny como xefe da Familia en funcións. A figura de Michael, executor da vinganza polo ataque de Sollozzo a Don Vito, é definida do seguinte xeito polo seu creador, Mario Puzo: “es un hombre virtuoso que comete un acto deleznable, se horroriza ante ello y se convierte en algo aún peor”.
Esta transformación será a trama principal do filme, e terá a súa continuación na segunda parte, cando comeza a atisbarse a destrucción da Familia liderada por Michael, posta en comparación coa creada por Don Vito, mediante unha montaxe na que cada secuencia ten relación con algunha das secuencias da primeira película. Deste xeito, Coppola dota ás dúas películas dun sentido completo facendo que ningunha sen entenda na súa totalidade sen a outra.
Outro dos elementos que nos permite identificar a importancia da personaxe encarnada por Al Pacino, é a música que ameniza a voda no xardín da mansión Corleone. Se nun principio soa unha música tradicional siciliana que nos remite ás orixes dos Corleone mentres se nos presenta ós seus membros, a ária operística que escoitamos a continuación anticípanos que estamos vendo unha historia narrada como unha traxedia. A traxedia dun fillo que para salva-la vida de seu pai debe renunciar ás súas aspiracións e aceptar o destino (o mesmo que lle ocorre á shakesperiana personaxe de Hamlet). Ese destino implica abandonar o soño americano, abandonar a Kay e abandonar os valores morais que o levaran a rexeitar os negocios e actividades da Familia, para converterse no seu líder logo do fracaso de Sonny (e mailo de Fredo, o seguinte na liña sucesoria, que se amosa impotente e incapaz de deter o ataque contra seu pai).
En Michael observamos tamén o mito de Edipo, pois de igual modo que este, o menor dos Corleone renuncia ós seus propios desexos e acepta os que lle veñen impostos, no seu caso non polos deuses senón por seu pai. E aínda atopamos unha conexión máis en Michael, pois ós parecidos con Hamlet e Edipo, debemos engadir a similtude coa negación que Pedro fai de Cristo, cando Michael lle di a Kay que a súa Familia é así pero él non. Pero en realidade Michael xa “negou” a seu pai anteriormente optando por alistarse no exército norteamericano. Esta negación da Familia e das tradicións sicilianas será paliada por Michael despois de vingar o ataque contra seu pai, matando a Sollozzo e a McCluskey e indo a Sicilia a completar o seu proceso de asimilación e identificación coa cultura dos seus. Tras isto, Michael Corleone está preparado para dirixir a Familia.